Xoves 12 de maio: Noite Angolana

O vindeiro xoves 12 de maio terá lugar a Iª edición da Noite da Lusofonía, organizada  conxuntamente entre a Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Asociación Cultural Cultura do País, que conta coa colaboración do Departamento de Português da Escola Oficial de Idiomas de Lugo. Este acto celebrarase no Clube Clavicémbalo (R/ dos Paxariños, 23), a partir das 23:00 hs. O prezo da entrada é de 2 euros.

A través deste evento, que pretendemos que se consolide coma unha actividade fixa no calendario de actos da nosa Asociación, procuramos enfortecer dunha maneira lúdica os lazos culturais e lingüísticos que Galiza ten coa comunidade lusófona.

Para esta primeira edición optamos pola Angola, país africano no que a lingua portuguesa se estende de forma máis marcadamente maioritaria no seu uso (perto dun 70% da poboación), froito da colonización portuguesa. Non embargantes, os movementos de liberación nacional que xurdiran nese país dende os anos 50 do século XX adoptarán o uso do portugués para vehiculizar as ideas de emancipación nacional e social, o cal permitiu a ligazón de diferentes grupos étnicos, pasando a convertirse nunha ferramenta de cohesión, unidade e construción nacional. Nesta onda, xorde un grupo de escritores liderado por Viriato da Cruz, Agostinho Neto e António Jacinto que fai emerxer o Movimento Vamos Descobrir Angola, de procura e recuperación das raíces culturais e históricas do país.

Así pois, no noso acto poremos en valor as manifestacións literarias da cultura lusófona da Angola a través dun recital de poesía angolana a cargo de membros dos colectivos organizadores; ao cal seguirá a actuación da cantante angolana Aline Frazão. Podes atopar máis información sobre ela premendo aquí.