Digna Rabia: crónica gráfica

O pasado xoves 14 de Abril tivo lugar o videoforo organizado pola Asociación Cultural Cultura do País sobre a situación da muller no franquismo. Esta actividade supuxo a presentación e estrea en Lugo do documentario Digna Rabia, elaborado pola Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas.

Antón Fernández Escuredo, xornalista e membro dese colectivo, implicado activamente na elaboración do documentario fixo unha explicación da temática do mesmo e do proceso de recollida de materiais e informacións, destacando os fondos de memoria oral de Moaña e fragmentos do NO-DO, alén dos testemuños de mulleres ligadas aos movementos feministas xurdidos nos últimos anos da ditadura.

Puidemos ollar ao longo do documentario as intervencións de mulleres destacadas no movemento feminista e nas organizacións antifranquistas, como é o caso de María Xosé Queizán, Nanina Santos, Lidia Senra ou Pencha Santasmarinas. A través destes testemuños coñecemos a opresión estrutural que exercía a ditadura sobre as mulleres e as dificultades coas que contou a loita feminista nos primeiros anos, no seo dos partidos da esquerda e tamén na sociedade.

Tamén puidemos escoitar os testemuños de mulleres represaliadas e de familiares de vítimas do franquismo e de mulleres do común sobre os aspectos da vida cotiá nos que as mulleres estaba relegadas a un segundo plano ou excluídas da esfera pública.
Ao remate da proxección tivemos un breve pero animado coloquio sobre o vídeo.

14 de Abril: Digna Rabia, estrea en Lugo

Lembramos a convocatoria da sesión de videoforo que terá lugar este xoves, 14 de Abril, a partir das 20:00 no Centro Cívico “Maruxa Mallo” (Entrecarrís, s/n.: sinala sobre estas liñas para saber cómo chegar dende a Praza Maior).

Este acto suporá a estrea en Lugo do documentario Digna Rabia, no cal se expón a represión e a situación da muller baixo a ditadura franquista e o artellamento dos movementos feministas nos anos finais da mesma. Esta obra, producida pola Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas, será presentada polo xornalista Antón Fernández Escuredo, membro dese colectivo e persoa implicada na elaboración do documentario. Con este evento, a Asociación Cultural Cultura do País conmemora o LXXX aniversario da proclamación da Segunda República (14 de abril de 1931), o réxime de liberdades que foi crebado por un golpe militar e a posterior ditadura.

Xoves 14 de Abril, Videoforo: Digna Rabia

O vindeiro xoves 14 de abril, a partir das 20:00 terá lugar no Salón de Actos do Centro de Convivencia “Maruxa Mallo” unha nova actividade da Asociación Cultural Cultura do País.

Tal e como fixemos os anos anteriores, programamos para o aniversario da proclamación da Segunda República (14 de Abril de 1931) unha actividade sobre a memoria histórica: desta volta, presentamos o documentario Digna Rabia, producido pola Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas.

Este documentario versa sobre o papel da muller baixo a ditadura franquista, concretamente a represión sufrida polas mulleres e o contexto de submisión e invisibilidade ao que son condenadas polo réxime. Asemade, achégase ao xurdimento dos movementos feministas nos últimos anos da ditadura.

Nesta sesión de videoforo intervirá unha das persoas que participou activamente na elaboración do documentario, o xornalista Antón Fernández Escuredo.

Animámosvos especialmente a participar nesta nova actividade da nosa Asociación.