Cultura do País: vindeiras actividades

Xa temos preparada a programación para os dous vindeiros meses da Asociación Cultural Cultura do País. Engadimos abaixo unha breve información a continuación para que vaiades anotando na vosa axenda!

Xoves 14 de abril: Videoforo: presentación do documentario Digna Rabia, producido pola Asociación Memoria  Histórica do 36 de Ponteareas.
Lugar: Salón de Actos do Centro de Convivencia Maruxa Mallo
Hora: 20:00
Intervén: Antón Fernández Escuredo

Xoves 12 de maio: Iª Edición da Noite da Lusofonía: Noite Angolana
Actuación de Aline Frazão.
Lectura de poemas angolanos.
Lugar: Clube Clavicémbalo
Hora: 23:00
Prezo da entrada: 2 euros
Actividade en colaboración coa Associaçom Galega da Língua e co Departamento de Portugués da Escola Oficial de Idiomas de Lugo.

Charla sobre o patrimonio: crónica

O pasado venres 25 de marzo tivo lugar a charla sobre as desfeitas no patrimonio galego organizada pola Asociación Cultural Cultura do País. A primeira parte do acto consistiu nunha disertación do profesor Jose Manuel Barbosa sobre a utilidade da historia para coñecermos mellor o noso País dende unha perspectiva autocentrada, facendo fincapé na componente autoidentificativa de Galiza coma pobo e a relación con outros eidos xeográficos e culturais próximos, principalmente os países de impronta cultural céltica e lusófona. Asemade, describiu o paradigma oficial de ensino da Historia, que non recoñece a historia de Galiza.

Na súa intervención, o escritor Calros Solla expuxo a riqueza arqueolóxica e patrimonial dos nosos montes e o desleixo que todas as institucións amosaron cara á mesma. Demandou unha meirande implicación das institucións que, en vez de descargar a responsabilidade sobre os cidadáns a nivel particular, debían preocuparse por preservar eses elementos patrimoniais, poñendo como exemplos as actuacións de San Cibrán de Las, o dolme de Dombate ou o monte do Seixo.Este acto tamén serviu para dar a coñecer o documentario Monte do Seixo. A Montaña Máxica producido en 2009 polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca.

25 de marzo: Crónica da desfeita do patrimonio galego

O vindeiro venres 25 de marzo teremos unha actividade da Asociación Cultural Cultura do País. Desta volta, o escritor Calros Solla e mailo profesor Jose Manuel Barbosa exporannos os efectos que a industrialización salvaxe e o capitalismo neoliberal producen en pezas de grande valor do noso patrimonio, ante a pasividade dunhas institucións públicas que deberían actuar para preservalo.

A escolla do título da charla-coloquio (“Non vos imos gardar o segredo”) fai referenza á recente campaña de turismo lanzada pola Xunta de Galiza, baixo o lema “Galicia; ¿Me guardas el secreto?”. Nós non imos gardar este segredo, o do patrimonio arqueolóxico e artístico que pervive no noso País e que non estamos dispostos/as a deixar que se cubra de terra en nome dun mal entendido progreso. Preténdese, polo tanto, denunciar que mentres se gastan moreas de cartos públicos en campañas de propaganda turística están a destruírse importantes e valiosos achádegos do noso patrimonio que non deben ficar nun segredo para a poboación, pois son parte da nosa historia e da nosa cultura.

Esta actividade terá lugar na Sala 4 do Centro de Convivencia “Maruxa Mallo” (Entrecarrís, s/n.) a partir das 20:00 horas.

Celebración do Entroido de Cultura do País: crónica

O pasado venres 4 de marzo a Asociación Cultural Cultura do País celebrou o Entroido en Lugo coa presentación dunha charla e unha cea posterior do cocido.

Na charla sobre os traxes e máscaras de Entroido na cultura tradicional, o compañeiro Xosé Manuel Seixas presentounos as características e tradicións que teñen lugar nos entroidos máis populares do País: Xinzo da Limia, Maceda, Verín, Vilariño de Conso, o Entroido Ribeirao da parroquia chantadina de Santiago de Arriba e o Oso de Salcedo. En cada un deles fíxose un percorrido pola confección de máscaras e vestidos típicos deses entroidos: peliqueiros, boteiros e pantallas foron descritos en canto a indumentaria e costumes, así coma as celebracións de Entroido nestas vilas. Isto comparouse coas celebración da illa mediterránea de Sardeña, destacando os paralelismos existentes e o fomento da investigación sobre a festa.

A disertación foi acompañada da exhibición de máscaras típicas que foron confeccionadas polo conferenciante, o cal fixo máis amena a charla.

Ao remate da charla pasouse á parte máis lúdica da celebración, coa cea do cocido, que xa se celebra por segundo ano consecutivo.

Novo número do Ronsel da Cultura do País

Chega un novo número noso caderno formativo, o Ronsel da Cultura do País. Desta volta, o segundo número da publicación está adicado ao mestre e inspector de ensino Xosé Ramón e Fernández-Oxea, “Ben-Cho-Shey”, quen tivo un papel destacado na organización do Partido Galeguista en Lugo durante a Segunda República.

Destaca ademais a súa faceta de investigador e recuperador das tradicións galegas e activo defensor do noso idioma. Resulta especialmente acaído para estas datas de celebración do Entroido, pois Ben-Cho-Shey amosou bastante interese pola antropoloxía e as celebracións da cultura tradicional, publicando varios artigos sobre o Entroido, dos cales a Asociación Cultural recupera o texto difundido a través do Galician Programme Nº 38 da BBC para a comunidade emigrada e exiliada.

Asemade, a partir de agora disponibilizaremos en rede os números antigos do Ronsel da Cultura do País para a consulta de todas as persoas que o desexen, como se pode comprobar premendo nesta ligazón.