Cocido de Entroido: últimas 24 horas para anotarse!

Mañá remata o prazo para anotarse para a cea do cocido de Entroido de Cultura do País. Lembramos a programación de actos de celebración do Entroido:

20:00 Charla: “Traxes e máscaras de Entroido na cultura tradicional”
Lugar: Sala 4 do Centro de Convivencia “Maruxa Mallo” (Entrecarrís, s/n.)
Intervén: Xosé Manuel Seixas

22:00 Cea do cocido
Lugar: Mesón-Parrillada “A Fonsagrada” (R/Río Chamoso, 2)
Prezo: 17 euros
Aforo limitado. Anotarse en:

culturadopais@gmail.com

Acode co teu disfrace!!!


Venres 4 de marzo: celebración do Entroido

Un ano máis, a Asociación Cultural Cultura do País prepara actividades para a celebración do Entroido en Lugo. O vindeiro venres 4 de marzo comezarán os actos ás 20:00 na sala 4 do Centro de Convivencia “Maruxa Mallo” (Entrecarrís, s/n.), cunha charla sobre os Traxes e máscaras de Entroido na cultura tradicional, na que Xosé Manuel Seixas nos explicará as partes dos traxes e as máscaras dalgúns dos entroidos con máis tradición e arraigo popular do País; poñéndoos en relación cos costumes e celebracións noutros puntos de Europa, como é o caso de Sardeña.
Posteriormente, a partir das 22:00 celebraremos a IIª Edición da Cea do Cocido de Entroido, que terá lugar no Mesón-Parrillada “A Fonsagrada” (R/Río Chamoso, 2). O prezo da cea son 17 euros por persoa. Hai aforo limitado. Cómpre reservar con antelación suficiente no enderezo de correo electrónico da Asociación:

culturadopais@gmail.com

Acode co teu disfrace!!!

22 textos do feminismo galego (Fundación Galiza Sempre)

Recomendamos especialmente esta publicación editada pola Fundación Galiza Sempre sobre o movemento feminista galego dos anos 70 e 80. Esta compilación de 22 textos, con cadanseu comentario e contextualización, elaborada pola historiadora Isabel Rodríguez Mate -socia de Cultura do País– a partir dos fondos documentais da Fundación 10 de Marzo e de Nanina Santos Castroviejo.

Máis información na páxina web da Fundación Galiza Sempre

Roteiro urbano pola historia de Lugo: crónica gráfica

Este sábado 5 de febreiro, a partir das 16:30 hs., tivo lugar o roteiro que a Asociación Cultural Cultura do País programara pola zona histórica da cidade de Lugo.
O obxectivo desta actividade era o de poñer en valor feitos e persoas da historia e da cultura do noso país que tiveran relación coa cidade. Pretendíase chamar a atención sobre a necesidade de termos presentes estes feitos, que en boa medida ficaban no descoñecemento ou na indiferencia no día a día da cidade.
Acompañada do bo tempo nunha solleira tarde de sábado iniciaba a andaina na Praza do Campo para irmos visitando lugares e persoeiros: Aureliano Xosé Pereira, o local do Partido Galeguista na Segunda República, Fernán Esquío, a vivenda de Carvalho Calero na súa etapa lucense, os locais das editoriais Celta e Ronsel ou as casas natais de Xoán Montes e Luís Pimentel foron algunhas das paradas do roteiro; nas que varios membros da nosa Asociación foron explicando a relevancia que eses lugares ou persoas tiveron.
Esta actividade tiña, ademais, un contido reivindicativo: o de denunciar publicamente a persistencia nas rúas da nosa cidade de nomes de militares golpistas e autoridades civís da ditadura franquista, recentemente ampliada coa designación dos nomes de alcaldes da época franquista a cinco novas rúas da nosa cidade. Non se debe tolerar que se fagan distincións e que ocupen un espazo destacado nas nosas prazas e rúas persoas que se sublevaron contra un goberno lexítimo e que perseguiron as liberdades e a lingua e a cultura propias de Galiza.