5 de febreiro: Roteiro urbano pola historia de Lugo

A Asociación Cultural Cultura do País organiza, para o vindeiro sábado 5 de febreiro a partir das 16:30, un roteiro pola zona histórica de Lugo no cal se visitarán distintos lugares onde viviron persoeiros/as destacados/as da cultura e da historia de Galiza.

Este acto dará comezo ás 16:30 na Praza do Campo, lembrando a figura do líder federalista Aureliano Xosé Pereira, e rematará ao pé da casa natal do poeta lucense Luís Pimentel.

Con este acto preténdese, ademais, denunciar a persistencia en numerosas rúas de Lugo de nomes de cargos públicos da ditadura franquista e que evocan un pasado antidemocrático. Esta situación, ademais de ser ilegal, supón unha ofensa contra os valores dunha sociedade democrática e contra a cultura e a lingua galegas, perseguidas por ese réxime ditatorial de corenta anos de longa noite de pedra.

Dende a Asociación Cultural Cultura do País faise un chamamento á sociedade lucense a participar neste roteiro no que lembraremos feitos, datas e persoas que xogaron un papel importante na nosa cultura e na nosa historia.

Monte Pindo, Parque Natural

A Directiva da Asociación Cultural Cultura do País decidiu, na súa última xuntanza, apoiar o Manifesto da Asociación Monte Pindo Parque Natural, que se presenta abaixo. Asemade, asumimos o compromiso de difundir entre a nosa masa social as actividades e iniciativas que este colectivo leve a cabo.

Declaración de Principios

  1. O Monte Pindo é un dos accidentes xeográficos máis espectaculares e característicos da Costa da Morte.
  2. No seu territorio danse condicións únicas que o diferencian doutros entornos, dada a elevada concentración de flora e fauna protexidas, singulares formacións xeolóxicas, etc.
  3. A súa vulnerabilidade consolidou de diferentes fórmulas de protección, como a inclusión na Rede Natura, a declaración de Punto de Interese Xeolóxico e de LIC.
  4. Recentemente un nutrido grupo de expertos, investigadores, profesores universitarios e representantes de diversos colectivos, todos eles cunha dilatada experiencia e en materia ambiental, relataron e presentaron un documento que desenvolve para o Monte Pindo a denominada “iniciativa para a declaración de Parque Natural”, figura que consideran idónea para protexelo e potencialo substentablemente.
  5. Esta declaración, xunto con todas as melloras a nivel lexislativo e de investimentos que suporá de xeito conseguinte, resultará enormemente beneficiosa a nivel medioambiental, económico, social, turístico e cultural non só de Carnota, senón de todo o seu entorno.
  6. O 7 de outubro de 2010 nace a “Asociación Monte Pindo Parque Natural”, coa finalidade de aglutinar os apoios á iniciativa.