Xoves 2/12: Acto d’A Mesa Lugo

Dende a Asociación Cultural Cultura do País damos difusión á presentación do libro Estudos Xurídicos sobre o Decreto para o Plurilingüismo, organizado polo grupo de Lugo d’A Mesa pola Normalización Lingüística, que terá lugar o vindeiro xoves 2 de decembro ás 20:00 hs. na Galería Sargadelos.

Intervirán:
Luís Villares Naveira, Maxistrado, coordenador do libro
Xosé Manuel Fernández Varela, avogado, un dos autores.
María Xosé Rodríguez Valcárcel, sociolingüista.

Tes máis información do acto no enderezo electrónico d’A Mesa de Lugo.

Aniversario do Manifesto de Lugo: crónica gráfica

Con grande éxito en canto a participación e proveito formativo tiveron lugar os actos que a Asociación Cultural Cultura do País e maila Plataforma Cívica Sei o Que Nos Figestes… nos Últimos 525 Anos, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, celebrou o pasado sábado 20 de novembro en conmemoración do 92º Aniversario do Manifesto de Lugo.

Comezou a xornada coa ofrenda froral diante do Hotel Méndez Núñez, onde as persoas asistentes, en acto de irmandamento, cantamos conxuntamente a letra de “O Manifesto” d’A Quenlla e o Himno. É de destacar a amábel colaboración do persoal do Hotel, que mesmo nos botou unha man para colocar o ramo na placa conmemorativa da Iª Asemblea Nacionalista.

Posteriormente, tivo lugar o coloquio sobre o arredista Fuco Gómez, no que o mozo investigador Xurxo Martínez nos aportou as principais claves dun persoeiro de grande interese polo seu compromiso patriótico e polo seu incansábel labor organizativo e cultural na emigración. Esta intervención foi concluída cunhas reflexións sobre o arredismo nos anos 70 e 80 e un breve coloquio.

Asimesmo, os exemplares do número 1 do noso caderno formativo, o Ronsel da Cultura do País, tiveron unha boa acollida entre os asistentes.

Concluíron os actos conmemorativos do aniversario do Manifesto de Lugo coa xa tradicional Cea-Foliada Dandi, a cal contou con numerosa concorrencia. Desta volta, asemade, repartíanse os Premios Dandi ás persoas mellor caracterizadas coa estética dandi dos anos 20. O xurado tivo, certamente, unha tarefa difícil na escolla dos mellores vestidos, pois a competencia foi dura. Foron en total tres premios principais e seis accésits galardoados con pezas de olaría de Bonxe.
A velada, amenizada maxistralmente polo grupo de música tradicional “Airiños da Freba”, desenvolveuse con bailes e cánticos populares.

Pódese atopar unha crónica gráfica máis ampla na páxina web de Sei o Que Nos Figestes… nos Últimos 525 Anos. (preme na ligazón para ver)

SQNF: Aniversario do Manifesto de Lugo

A web amiga de Sei o Que Nos Figestes… nos Últimos 525 Anos , co-organizadores da xornada de celebración do aniversario do Manifesto de Lugo deste sábado 20, publicou unha interesante anotación no seu blogue sobre a Iª Asemblea Nacionalista de 18 de Novembro de 1918, hai exactamente 92 anos. Podes ver esta información premendo aquí.

Lembramos a programación de actos:

Sábado 20 de novembro

17:30 Ofrenda Floral diante do Hotel Méndez Núñez

18:30 Charla: “Fuco Gómez: galego senlleiro, arredista revolucionario”

Lugar: Sala 4 do Centro de Convivencia Maruxa Mallo (Carril das Hortas)

Intervén: Xurxo Martínez, historiador

21:00 Cea-Foliada Dandi

Lugar: Bodegón Tuiriz (R/Paxariños)

Actuación de “Airiños da Freba”

Iª Edición dos Premios Dandi: en xogo magníficas pezas de olaría de Bonxe.

Cea-Foliada Dandi: prazo para anotarse

Quedan unhas poucas horas para anotarse na Cea-Foliada Dandi do sábado 20 de novembro.

Publicamos aquí os datos para que o teñades en conta:

Cea-Foliada Dandi
Sábado 20 de novembro, 21:00 hs.
Lugar: Bodegón Tuiriz (R/dos Paxariños). Aforo limitado

Prezo: 12 euros
Enderezo para anotarse: culturadopais@gmail.com

Contaremos coa actuación do grupo de música tradicional “Airiños da Freba”

No transcurso da cea entregaranse os Premios Dandi aos participantes mellor caracterizados segundo a estética dandi dos anos 20. Até 10 magníficos premios de olaría de Bonxe en xogo!

N.1/Ronsel da Cultura do País

Sae ao prelo, con motivo da celebración por segundo ano consecutivo do aniversario do Manifesto de Lugo, o número 1 do caderno de formación e difusión cultural da Asociación Cultural Cultura do País.
A través desta publicación pretendemos dar a coñecer feitos, datas, nomes e costumes da nosa historia e da nosa cultura, silenciados pola cultura oficial imposta polo sistema. E facémolo recollendo un nome presente na nosa historia recente: o da revista e editora lucense Ronsel, que xurdira na nosa cidade en 1924 da man de Evaristo Correa Calderón e Álvaro Cebreiro.
Do mesmo xeito que esta revista avangardista cuxo agromo se enmarca na importante actividade cultural nacionalista dos anos 20, nós tamén procuramos con esta aportación deixar unha pegada que outros/as poidan seguir para re-coñecer o noso futuro.
Este primeiro número está adicado a Fuco Gómez, natural de Ouselle (Becerreá), quen, polo seu activismo cultural nos círculos da emigración, a súa firmeza ideolóxica e a súa implicación na creación de medios de comunicación en galego e o seu compromiso humanista cunha sociedade máis xusta fan del unha figura a recuperar e pór en valor.

Esta publicación, que sacamos á venda ao prezo de 1 euro, conta coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo. Poderedes conseguir este exemplar nos actos que se celebrarán o vindeiro sábado 20 en conmemoración do aniversario do Manifesto de Lugo.