Este ano faise un cento da celebración da primeira asemblea nacionalista, na que se aprobou o Manifesto de Lugo, efeméride que vimos conmemorando en Cultura do País ao longo dos nosos dez anos de vida. Con motivo do cen aniversario ampliamos a programación e redobramos esforzos, xuntándoos tamén a outros colectivos que teñen preparados actos para as datas referidas.
A meirande parte dos actos terán lugar no Hotel Méndez Núñez. Como en anos anteriores, o sábado 17 de novembro a partir das 21:30 celebraremos a Festa Dandi, que nesta ocasión contará con varias actuacións: Duende Circo, Microefectos Dramatúrxicos, As Ramilettes e Marqués de Vilapodre DJ set. As entradas, que se poderán retirar no Lar ou na Fouce de forma anticipada ou o propio día no Hotel, teñen un custo de 5 euros. Como en anteriores edicións, outorgaranse os Premios Dandi ás mellores caracterizacións coa estética dos anos vinte entre as persoas asistentes.

A
plataforma Vía Galega, entidade social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza da que fai parte a nosa Asociación, ten programados unha serie de eventos o
domingo 18 de novembro na nosa cidade con motivo do Centenario. A partir das
10:45 terá lugar no IES Lucus Augusti a Asemblea da plataforma, na que se aprobará a Carta de Dereitos do Pobo Galego.
Ás 13:00 diante do Hotel Méndez Núñez está prevista a celebración da ofrenda floral unitaria promovida, xa desde hai varios anos, xunto con outros colectivos da cidade, enmarcada na Convocatoria Faraldo. Seguidamente, ás 13:30 farase un roteiro polo adarve da Muralla promovido por Vía Galega, no que se dará lectura a varios textos das Irmandades da Fala.

Pola tarde,
ás 17:00 de novo
na Sala Almirante do Hotel Méndez Núñez representaremos a
función ‘A lus da estrela que brila ó lexos‘, espectáculo de danza, poesía, teatro e música preparado por socios/as e simpatizantes da nosa
Asociación en homenaxe aos asinantes do Manifesto de Lugo. A entrada é gratuíta. O título da función é recollido dun verso do poema ‘No Escuro’ (
Vento Mareiro, 1915) de Ramón Cabanillas.